O Concello de Vedra ven
de celebrar esta pasada fin de semana os últimos actos dunha nova edición da
súa Semana da Ciencia que nesta ocasión adicou
ás enerxias e desenvolvemento sostible, aproveitando que a ONU ten declarado
este ano, 2012, como o Ano
Internacional da Enerxía Sostible para Todos.
O actos que comezaron cunha exposición elaborada polo CSIC titulada
A enerxía móvenos, que tivo lugar no CPI de Vedra, continuaron cunha
conferencia a cargo de Rosa Núñez, técnico do INEGA no Centro sociocultural de
Vedra, o martes 20 de novembro, quen disertou sobre Enerxía e desenvolvemento
sostible.
Vedra en ciencia 2012, continuou o sábado 24 cunha charla- coloquio a cargo de Javier Vilas
Giadanes (Xefe de Proxectos en Enerxías Renovables) sobre as Enerxías
Renovables e Eficiencia Enerxética. Seguidamente presentouse o documental
elaborado polas persoas maiores co título “Enerxía Sostible no Fogar”.
O domingo 25 celebrouse a Feira da Ciencia, que nesta ocasión presentaba como temática as
enerxías renovables e todas as súas posibilidades. Foi esta unha iniciativa
educativa que mobilizou a 217 escolares que participaron cos seus traballos,
superando todas as expectativas iniciais. Ademais esta Feira reuniu tanto aos
protagonistas e creadores dos proxectos coma aos pais e nais que gozaron das
exposicións dos pequenos e aos mestres e mestras dos diferentes centros que se
achegaron ata o Pavillón Municipal, no que se xuntaron máis de 350 persoas, o
que fala do enorme éxito da convocatoria.
Despois da exposición de todos os proxectos da Feira da
Ciencia ante as persoas asistentes e o xurado (que polo elevado número de
traballos presentados tiveron que
dividirse en dous equipos, un para avaliar as categorías de infantil e
primaria e outro para os de secundaria) foi o turno do grupo de teatro do CPI
de Vedra que representaron “O Enterro da Bombilla”, obra creada para a ocasión
representando a substitución das lámpadas tradicionais polas led, tal como
establece a normativa para a partir deste ano.
Para finalizar e como broche de ouro deuse a coñecer o
veredicto do xurado e repartíronse os premios de participación para todas as
persoas participantes na feira.
Dende logo foi un 25 de novembro moi especial para Vedra
e que ademais da man da Asociación de Mulleres Berenguela na Feira tivo tamén
un recuncho para o recordo da conmemoración do Día Internacional en Contra do
Maltrato de Xénero.
No hay comentarios:
Publicar un comentario