jueves, 14 de enero de 2016

NOTA INFORMATIVA DA ASOCIACIÓN SENUNPESO... LAV´016


Este ano volvemos ter obradoiros de balde para a xente máis nova. E cambiamos o formato, porque queremos chegar a máis rapaces e rapazas. Queremos que @s que vos pica a curiosidade do audiovisual, non teñades que pasar do LAV por que sodes demasiado nov@s ou porque vos coincide co partido de fútbol, o ensaio da banda ou unha comida familiar na casa da tía Antonieta.
Para iso faremos tres obradoiros diferentes, uns para 10 a 14 anos e outros para 12 a 16. E non serán todos de fin de semana completa: teremos formatos diferentes, de 2 días, 1 día ou de só 4 horas.
E en Vedra xa tedes formularios para anotarvos, tanto no CPI de Vedra, como no CEIP de Ortigueira, porque non queremos que quededes sen praza: Os formularios recolleremolos o venres ás 3 da tarde en Vedra, e ás 5 en Ortigueira. A partir do lúns 18 ábrese o prazo de inscrición na web , e aínda podedes facelo, se vos deixan os que queren vir de lonxe.
Non te despistes!
  • #Vedra2Q16-> sábado13 de febreiro, de 10 a 14 hs., 12 a 16 anos
Estraños feitos acontecen na tranquila vila de Vedra durante a mañá do 13 de febreiro de 2016. Todo semella igual que a noite anterior, se non fose porque se detectan estrañas presenzas, se observan inquietantes desaparicións e todo parece mudar de sitio, o que nos fai pensar que no ano 2016 nada é o que parece. Un grupo de rapaces atópanse no interior do CPI de Vedra e son as únicas testemuñas do que acontece, co que terán a responsabilidade de narrar os feitos vividos ao resto de terrícolas. Os participantes terán que escribir, coa axuda dos seus móbiles, unha historia de guión imprevisible e resultados inesperados. Seguindo a estrutura en tres actos (presentación, nó e desenlace), construirán un relato transmedia coa axuda de tres aplicacións e do seu brillante maxín.

  • Xogando coa holografía: domingo 14 de febreiro, de 10 a 14 hs., a de 10 a 16 anos.
Neste pequeno obradoiro explicaremos os principios básicos da holografía e a diferenza entre o que son os "efectos holográficos" e a holografía real.Veremos como o que hoxe coñecemos como efectos holográficos se inventou hai moito tempo e como estes existen na natureza. Finalmente amosaremos como é posible converter o móbil ou a tableta nun "proxectorholográfico" e ensinaremos aos asistentes a crear as súas propias holografías.
Para este obradoiro é necesario traer un ordenador portátil, ademais dunha tableta ou un teléfono móbil. Se alguén non ten ordenador portátil, compartirá con outro alumno. 

  •  
Xornalista por un día: sábado 13 e domingo 14, de 10 a 14 hs. e de 15: 30 a 19:30 hs. NON É OBRIGATORIO ESTAR A TEMPO COMPLETO (podes escoller o sábado ou o domingo)
Se che gusta contar o que pasa e como pasa, se che gusta escribir, preguntar, tuitear, fotografar, saber e divulgar, quizais queiras ser xornalista por un día. Propoñémosche que formes parte do gabinete de comunicación do LAV con este obradoiro no que experimentarás de xeito práctico como se difunde un evento cultural. 
 
Comezaremos por explicarvos un pouco de que vai isto de informar e comunicar: uns conceptos básicos e de que vai iso da ética do xornalista. Segundo as vosas preferencias, crearemos un equipo multidisciplinar no que vos ensinaremos as diferentes tarefas de comunicación para que cadaquén asuma as facetas que máis lle gusten: redactar informacións, xestionar redes sociais, tirar fotografías, coordinar o equipo, contactar coa prensa....


No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada