jueves, 26 de abril de 2012

Xornada Galega de Enogastronomía

O Concello de Vedra está a colaborar con Turgalicia e coa Ruta do Viño Rías Baixas na Xornada Galega de  Enogastronomía que se celebrará o próximo sábado 26 de maio.

A Xornada inclúe a visita guiada e gratuíta ás adegas participantes na promoción. Todas elas terán as súas portas abertas durante este día. Dependerá da túa elección visitar unha ou varias. Ao finalizar a visita ofreceranche como agasallo unha degustación dos mellores viños de  Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra ou Valdeorras. Tamén atoparás unha serie de restaurantes onde poderás xantar aproveitando a oferta especial deste día. Os menús compoñeranse de primeiro e segundo pratos, acompañados ambos con viños da Denominación de Orixe na que te atopes. O prezo final, con IVE, será de 25 € e levará incluída a sobremesa. Os restaurantes adheridos a esta promoción ofrecerán, ademais, menús infantís para os nenos menores de 12 anos que acompañen aos adultos. O prezo destes menús infantís será de 10 € (ive incluído). E en cada Ruta poderás atopar ademais un programa especial para ese sábado 26 de maio.

Dende o Concello propoñemos unha visita gratuíta denominada “Pazos e Xardíns históricos do concello”. A ruta comezará as 11:00 da mañá e partirá da Casa dos Peóns (Oficina de Turismo en San Pedro de Vilanova).
Reserva a túa praza ata o 24 de maio no telefono 981 814 612 ou en casadospeons@concellodevedra.com.

Os establecementos adheridos á Ruta do Viño Rías Baixas súmanse a esta iniciativa con varias propostas:

Pazo de Galegos,  Adega Valdés e a destilería Aguardientes de Galicia propoñen unha xornada de portas abertas o 26 de maio con visitas gratuítas aos seus establecementos.

O Restaurante Villa Verde propón dúas variantes de menú especial para este día, acompañados de viños da DO Rías Baixas, a un excelente prezo  de 25 euros por persoa.

E os aloxamentos  Casa Suárez e Pazo de Galegos ofrecen  descontos especiais para a ocasión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario