martes, 3 de noviembre de 2015

ESTILANDO EVENTOS

Os departamentos de protocolo, turismo e emprego do Concello de Vedra organizan un “show room”  para poñer en valor as potencialidades de Vedra no sector dos eventos, que terá lugar os días 7 e 8 de novembro no Pazo de Vista Alegre en Ponte Ulla.

Sendo este un municipio pequeno, de aproximadamente 5100 habitantes, conta cun tecido empresarial ben estruturado e en aumento,  relacionado co sector de eventos e celebracións. Baixo esta premisa e convencidos do potencial artístico e emprendedor destes negocios impulsamos esta iniciativa co obxectivo de servir como escaparate e dar a coñecer estas potencialidades de Vedra.

Tratarase dun show room ou  exposición temporal de empresas relacionadas co sector dos eventos (vodas, bautizos, aniversarios,…) e dirixida a calquera persoa que estea planificando ou organizando unha celebración, que vaia de invitado/a ou que teña interese e curiosidade.
Pretendemos ofrecer unha mostra aberta e dinámica, un lugar de intercambio de experiencias entre empresarios e clientes onde coñecer as novidades e produtos das diferentes empresas expositoras.

Contaremos con florarías, perruquerías, empresas de organización de eventos, traxes de noiva, traxes de noivo, vestidos de festa, agasallos, restauración,... todo o necesario para calquera celebración.

Durante toda a fin de semana contaremos con  diversas actividades como actuacións musicais, animacións infantís,  e diversas demostracións das empresas participantes. Tamén o domingo contaremos cun desfile de vestidos de noiva, traxe de noivo, vestidos de comunión, de cerimonia, de festa,...


Non o podes perder achégate a “Estilando eventos”!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!